Aliménta-T Ben no 1º ciclo

O proxecto desenvolveuse arredor do coñecemento e a posta en práctica do Prato Harvard, co obxectivo de fomentar hábitos de alimentación saudables a través dunha aprendizaxe activa, manipulativa e cooperativa.

Ao longo das distintas actividades, o alumnado traballou estratexias de pensamento, identificando alimentos e formulando preguntas sobre a alimentación saudable. A partir desta base, afondamos nos diferentes grupos de alimentos, destacando a importancia de incorporar froitas, verduras, hidratos e proteínas en cada prato.

A aprendizaxe dos hidratos de carbono realizouse mediante experimentos, como a detección de almidón con iodo, e a diferenciación entre cereais e tubérculos a través de dinámicas cooperativas. No caso das proteínas, o alumnado elaborou queixo caseiro a partir de leite e limón, reflexionando sobre as proteínas de orixe animal e vexetal e degustando o resultado. Por outro lado, as froitas e verduras traballáronse con elementos reais, de forma sensorial e manipulativa.

A dimensión práctica estivo moi presente con propostas como a elaboración das brochetas "arco da vella",  a cata a cegas de alimentos ou a preparación dun “Burrito Harvard”, no que se aplicaron coñecementos previos sobre unha dieta equilibrada. Esta última actividade completouse coa redacción da receita e o debuxo do prato final.

Tamén se realizaron estacións de aprendizaxe onde o alumnado clasificou alimentos ocultos, modelou con plastilina os diferentes grupos do prato e participou en xogos educativos adaptados como memory, Dobble, concept e Hedbanz, reforzando os contidos dun xeito lúdico.

Outro aspecto fundamental foi a análise de produtos de consumo habitual, empregando ferramentas como o Nutri-Score e a aplicación Yuka, o que permitiu ao alumnado aprender a interpretar etiquetas e a tomar decisións máis informadas sobre a súa alimentación.

Finalmente, traballouse a análise do menú do comedor escolar para comprobar se cumpría co modelo do Prato Harvard, así como o deseño de pratos ideais elaborados con plastilina, favorecendo a reflexión e a creatividade.

En conxunto, o proxecto combinou ciencia, educación alimentaria, cooperación e aprendizaxe baseada na experiencia, promovendo unha maior conciencia sobre a importancia dunha alimentación equilibrada e saudable no día a día do alumnado.














Comentarios

Entradas populares de este blog

#EXPO-CAMIÑO NO COLE (infantil e primeiro)

CÁPSULA DO TEMPO CON MENSAXES SOSTIBLES!!

CREANDO AS NOSAS MENSAXES SOSTIBLES EN INFANTIL PARA CONCIENCIAR Á XENTE DE TUI E PARA ENVIAR AO FUTURO